Nesta fase o alumnado converteuse no protagonista do proxecto mediante a elaboración de recursos profesionais en galego e a realización de actividades prácticas vinculadas á súa futura realidade laboral. O obxectivo foi integrar o galego como lingua de traballo, favorecendo a creación de materiais útiles, a adquisición de vocabulario técnico e o desenvolvemento de competencias comunicativas en contextos profesionais.
As actuacións desenvolvidas estrutúranse en tres grandes liñas de traballo:
Glosarios profesionais
Elaboración colaborativa de glosarios específicos das diferentes familias profesionais do centro. O alumnado recompilou terminoloxía técnica en galego, incorporando tamén as equivalencias en castelán, inglés e portugués para facilitar a súa utilización en contextos profesionais e internacionais.
Repositorio colaborativo
Compilación de recursos didácticos, actividades, presentacións e materiais profesionais elaborados polo profesorado e polo alumnado ao longo do proxecto. Este espazo pretende facilitar o intercambio de experiencias e ofrecer materiais reutilizables para outros docentes e centros educativos.
Prácticas profesionais en galego
Desenvolvemento de experiencias reais nas que o galego foi empregado como lingua de comunicación e de traballo. Inclúense actividades de dinamización lingüística, participación do grupo de neofalantes, elaboración de podcast, publicacións nas redes sociais e diferentes simulacións e proxectos profesionais realizados ao longo do curso.