Nesta sección recompilaremos entrevistas, conversas e testemuños de profesionais que empregan o galego no seu traballo diario. O obxectivo é coñecer experiencias reais e achegar ao alumnado modelos próximos que demostran que o galego é unha ferramenta útil e plenamente válida no ámbito laboral.
Entrevistas a profesionais do ámbito do Comercio e Márketing
Vídeo entrevista á propietaria dun comercio local
Experiencia sobre a atención á clientela, a identidade comercial e o valor do galego no pequeno comercio: https://drive.google.com/file/d/1FXdrqcCYz9ix2-YwvzlCneccXX7gKEU6/view?usp=sharing
Outras entrevistas profesionais
PERSOA ENTREVISTADA: Andrés Fraga, Profesional experto en fotografía comercial e de produto
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
No meu sector úsase pouco, especialmente en Vigo e na súa contorna, e o seu uso é bastante desigual. No noso estudo empregamos o galego como lingua de comunicación interna e tamén coa clientela. Cando traballamos coa industria ou con outros profesionais, se inicias a conversa en galego adoitas recibir resposta na mesma lingua. Porén, nos eventos corporativos o ambiente xeral adoita ser en castelán.
No noso caso, unha parte moi importante do traballo realízase fóra de España, polo que a lingua habitual pasa a ser o inglés.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Eu percibo un menor uso do galego, aínda que tamén pode deberse á localización. Cando vivía en Santiago había moita máis comunicación en galego. Ao mudarme primeiro a Pontevedra e agora a Nigrán, comprobei que o seu uso é considerablemente menor.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
No estudo toda a comunicación interna é en galego. Coa clientela galega tamén empregamos o galego, tanto na comunicación oral como na documentación profesional, por exemplo nas propostas ou nas facturas.
Unha parte importante do noso traballo realízase con clientes estranxeiros, polo que nese caso utilizamos o inglés. A nosa comunicación pública, tanto na páxina web como nas redes sociais, é integramente en galego.
Ademais, organizamos anualmente o festival de deseño industrial Proxectar, que se desenvolve integramente en galego.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
É unha cuestión complexa, porque existe unha importante dimensión cultural. Creo que fan falta máis referentes de empresas galegas, de distintos sectores, que aposten seriamente polo uso do galego, non só na publicidade, senón tamén na comunicación interna e no discurso das persoas que ocupan postos de dirección.
Se a dirección dunha empresa emprega o galego nunha conferencia e tamén nas conversas informais, contribúe a que as persoas da súa contorna fagan o mesmo.
Tamén considero necesaria unha política de normalización no ámbito dixital. Hai anos podía configurar o meu teléfono Android en galego e agora xa non é posible. No caso do iPhone pódese escoller o catalán, pero non o galego. O mesmo ocorre con moitos servizos dixitais, programas de xestión e ferramentas profesionais, dispoñibles noutras linguas cooficiais pero non en galego.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Creo que o galego debe consolidarse tamén nos ámbitos de dirección das empresas. Se os órganos directivos, tanto de pequenas como de grandes organizacións, non empregan a lingua, existe o risco de que quede relegada ao ámbito dos traballadores e acabe perdendo presenza no contexto profesional.
PERSOA ENTREVISTADA: Anxo Sánchez, Profesional experto en páxinas web e márketing dixital
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
Partindo de que considero que é unha situación negativa en termos xerais, é certo que depende en gran medida do sector profesional onde se atope cada persoa.
No meu caso, a nivel personal, son autónomo (freelance) desde hai xa anos no sector do márketing dixital, máis en concreto en deseño e lanzamento de proxectos web.
En termos xerais o galego neste sector é anecdótico, residual. Somos moi poucas persoas, que eu teña controlado menos de 5, quen o usamos de xeito habitual para a nosa comunicación. E iso nótase a todos os niveis: extrañeza, incomprensión… mais como non todo é malo pois tamén para min é un factor de diferenciación.
En todo caso, sempre comento como brincadeira que é moi posible que moitos dos meus clientes o meu orzamento e a miña factura é a única que recibirón (e recibirán nunca) en galego.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Si, pero falamos de números tan residuais que creo que non se debería ter en conta. Explícome:
Cando comecei nisto o meu blog e a miña canle de YouTube eran das poucas canles que falaban de WordPress e deseño web en galego. Se cadra agora hai un par de canles máis que se sumaron ás 2 ou 3 que había. Si, houbo mellora pero é anecdótica.
A nivel de difusión, relatorios, charlas ou eventos en galego de temas do meu sector pois é certo que algunhas persoas se animan a facelo en galego. Mais, de novo, falamos de moi moi pouca xente. Cóntanse cos dedos da man. Por iso considero que, aínda que numericamente si somos máis, é tan pouco o número a respecto do total que considero que é anecdótico.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Eu uso o galego en toda a miña comunicación: captación de clientes, posicionamento da marca, orzamentación, facturación e comunicación interna e externa.
Con total normalidade como calquera outra lingua.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Creo que é imposible desligar a situación no sector da situación social. E máis cando eu dou unha serie de servizos a clientes que, no fondo, deben servir para que facturen máis diñeiro.
Con todo, si é posible facer unha labor pedagóxica con todos eles. E eu inténtoo. A idea é que se formulen a posibilidade de ter páxinas web e facer a súa comunicación en galego. Ou polo menos que o galego estea presente.
Usalo, facer esa escolla, tamén axuda á diferenciación, a trasladar valores de marca e a captar clientes que doutro xeito, se cadra, non se fixarían neles.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
No meu sector, malas. Quen o usamos é por puro compromiso. E vivir na resistencia pode facer que non morra o idioma a curto prazo, pero é imposible facelo avanzar. Non é algo atractivo porque non se recoñece como algo útil, e iso está ligado á situación no resto da sociedade.
En, por desgraza, son pesimista.
PERSOA ENTREVISTADA: Profesional experto e traballador no ámbito da comunicación e da publicidade
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
A situación é mala, tirando a crítica. No meu campo – a comunicación, con especial fincapé na publicidade – cada vez vemos máis faltas de ortografía no galego na publicidade, no galego falado en cuñas radiofónicas, en promocións en redes sociais… e débese a que se trata dunha lingua que cada vez se fala menos, e cada vez menos entre a xente nova, que é onde está o verdadeiro problema crítico.
Cantos traballadores galegofalantes hai nas axencias de comunicación e publicidade? Cada vez, menos.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Na liña do anterior, cada vez menos. Sobre todo no que ten que ver co eixo atlántico ou o “apenovismo” que move a economía galega. As áreas urbanas, que é onde se concentra o sector, teñen un menor volume de poboación galegofalante, e isto tamén se reflicte no sector.
Dende logo, vai por barrios… privado e público. No sector público aínda semella haber certa paridade, pero no que ten que ver co sector privado son moi pesimista. E aínda querendo ver con bos ollos as iniciativas que hai, aínda estamos lonxe de ter un uso do galego que se equipare ao do español no ámbito laboral.
Vou a poñer un exemplo moi concreto e moi cercano. Na última defensa de traballos de fin de grao tiven ocasión de avaliar once traballos. Só un deles foi elaborado e defendido en galego.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Nas nosas iniciativas, procuramos promover o uso do galego en todas as nosas comunicacións, tanto internas como externas. A propia Universidade ten un plan de promoción do galego que recoñece con pequenos descontos docentes (un 3% anual, aproximadamente, durante tres anos) a aqueles docentes que imparten as súas clases en galego. Trátase dun “premio” para as accións individuais. Dende logo, é cousa de cada un falar e impartir as clases na lingua que prefira, pero – a propósito dos que o facemos en galego- esforzámonos por mellorar constantemente a calidade da nosa comunicación nesta lingua.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
É difícil propoñer cousas que nin sequera sei se se poden levar a cabo! En todo caso, hai que mollarse: unha das medidas podería ser a creación de incentivos para as empresas que usen o galego como lingua de traballo. Falo de incentivos fiscais, nos pregos de condicións e concursos públicos… pero nada de achegar o “celga 4” para acreditar o galego. Acreditalo de verdade, se fixese falla con inspeccións laborais.
Tamén considero que sería moi beneficioso, pero xa a medio e longo prazo, desenvolver máis recursos, máis formación e máis ferramentas tecnolóxicas en galego, o que facilitaría o seu uso no mundo empresarial. Aquí é onde teño envexa do catalán, unha lingua moi presente en innumerables ferramentas tecnolóxicas do día a día, mesmo a publicidade dixital en grandes plataformas como Google. Por que é un fastidio empregar un iPhone en galego? porque como non recoñece esta lingua, o autocorrector é un pesadelo.
E pola parte que me toca, como docente, tamén sería útil reforzar a formación en galego, tanto nas escolas como nos centros de formación profesional e nas universidades.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Gustaríame dicir que existe unha crecente sensibilización social sobre a importancia da diversidade lingüística e cultural, pero lamentablemente é ao revés. É máis, existe un movemento reaccionario que pretende acabar con esta diversidade e a polifonía de España. E xa non falo de prexuízos inconscientes (“a onde imos co galego que non nos vale para ir ao resto do mundo”), senón de entidades privadas que atacan os dereitos lingüísticos ou mesmo a toponimia.
Como consecuencia, as perspectivas para a lingua no mundo profesional son, ao meu xuízo, pouco esperanzadoras.
Considero que a presenza do galego nos sectores creativos e culturais podería axudar a aumentar a súa visibilidade e prestixio, o que a súa vez podería incentivar o seu uso en outros sectores, pero agora mesmo tampouco me atrevería a falar do sector cultural galego como un sector á alza. Calidade haina, máis non recoñecida.
Dito isto, permíteme finalizar cunha nota positiva. O futuro é mellor para os galegofalantes, que son (somos) os bilingües de verdade, capaces de escribir e dominar á perfección dúas linguas. O cal, non esquezamos, é unha vantaxe competitiva.
PERSOA ENTREVISTADA: Xerente dunha empresa de deseño e arquitectura con experiencia no ámbito comercial
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
Hai dúas situacións diferentes, nas obras e relacionado co mundo da construción fálase habitualmente, de feito é que se fala sempre, en canto aos estudios de arquitectura aquí xa é moi variable, penso que o uso do galego é menor.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Non sabería que responder, no meu caso concreto falamos en galego habitualmente, polo que non sei como vai sendo a evolución.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
A verdade é que non facemos nada, só falalo de maneira habitual.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
No noso caso concreto, empezar a entregar os proxectos en galego, que é algo que temos pendente, porque a maioría da normativa e das bases que empregamos non están editables en galego.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Non o teño claro pero gustaríame crer que cada vez se vai empregar máis no estudos de arquitectura e espero que no mundo da construción non se perda o seu uso.
PERSOA ENTREVISTADA: Community Manager
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
A pesares de que existen intentos de aumentar o uso do galego no mundo profesional, creo que está nunha situación perigosa, xa que non é unha lingua que se use como principal no día a día do mundo profesional.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Nas redes sociais hai un aumento de entidades, clubs e organización que usan o galego para achegarse ao seus targets.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Dende o ano pasado, utilizamos o galego como lingua de transmisión nas nosas redes sociais e campañas. Apostamos polo uso de galego como elemento identificador.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Unha maior promoción do idioma, incentivando o uso do mesmo e traballando para prestixiar o idioma e o seu uso no día a día.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
A pesares de que moitas empresas queren usalo para achegarse aos seus usuarios ou clientes, segue existindo unha enorme fenda que separa o uso do galego fronte a outros idiomas. Precísase unha maior promoción, educación e posta en valor do galego para que as empresas aposten por el. Sen todo iso, a día de hoxe, vexo que será complicado que se manteña en uso nun futuro.
Entrevistas a profesionais do ámbito dos Servizos Socioculturais e á Comunidade
Vídeo entrevista a directora dun Centro de Saúde mental en Ourense
Conversa arredor do uso do galego na atención ás persoas, na comunicación coas familias e no ámbito dos servizos sociocomunitarios: https://drive.google.com/file/d/10X4h67TrX6yA_lA1nSt5i4oukFuEPcdT/view?usp=sharing
Outras entrevistas profesionais
PERSOA ENTREVISTADA: Fernando, Educador Infantil en Ourense
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
En xeral, o galego fálase na mesma medida que fóra do mundo profesional, salvo nos traballos relacionados coa Administración, onde existe unha maior utilización da lingua, como acontece entre o profesorado ou o persoal da Xunta de Galicia.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Penso que non houbo grandes cambios nos últimos anos. No ámbito educativo, o galego úsase bastante entre o profesorado.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
No ámbito educativo, a maioría das actividades escolares realízanse en galego, aínda que hai docentes que non o empregan dentro da aula.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Ao comprobar que algúns nenos e nenas deixan de falar galego cando chegan á escola, mesmo cando o profesorado se dirixe a eles nesta lingua, considero necesario seguir desenvolvendo actividades a nivel de centro que fomenten o seu uso, como festivais, representacións teatrais ou proxectos.
Tamén sería importante favorecer que os vídeos educativos, as fichas, as cancións e outros materiais empregados na escola estivesen dispoñibles en galego.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Penso que se están desenvolvendo bastantes iniciativas para promover o galego, especialmente nas escolas. Con estas actuacións estase conseguindo manter o seu uso, pero non necesariamente aumentalo.
O futuro da lingua depende tamén de que teña unha maior presenza nas tecnoloxías e nas actividades de lecer, como as series, as películas ou a música. Se se consegue ampliar o seu uso nestes ámbitos, o actual estancamento podería reverterse.
PERSOA ENTREVISTADA: AMARELAS, Turismo e Lecer en Galicia
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
A situación do galego no mundo profesional turístico parécenos anecdótica. Se ben aparece como requisito ou é puntuable o seu uso, nas convocatorias oficiais para proxectos de carácter cultural e turístico, o uso na práctica é case inexistente.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Detectamos un maior uso do galego en publicacións escritas/RRSS así como en eventos oficiais.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Dende Amarelas facemos unha difusión da lingua galega. Ademáis de explicar o valor que ten a lingua galega, temos todos os materiais en Galego/castelá. O uso do galego é vehicular para todas as nosas accións, aínda que nos queda como tarefa traducir a páxina web.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
1. A documentación administrativa debería de estar tamén en galego (facturas, contratos, SS, orzamentos, CV, …) 2. Maior visibilización en Internet (RRSS, WEB). 4. Visitas guiadas en galego e adaptacións a otros idiomas en audioguía. 3. Incorporación de produtos turísticos de inmersión lingüística que poñan en valor este patrimonio inmaterial.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
O galego é un elemento diferenciador para o destino turístico de Galicia, polo que a perspectiva de futuro para nós, dentro dun turismo sostible e experiencial, que é tendencia, é positiva.
PERSOA ENTREVISTADA: Directora dun Centro de Día
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
No ámbito de coidado a persoas creo que está bastante ben posicionado. Depende tamén da zona.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Maior uso do galego na actualidade.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Falamos galego o 80% do persoal.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
FALALO
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Eu creo que cada vez se falará máis. Sobre todo en altos cargos.
PERSOA ENTREVISTADA: Educadora infantil
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
O seu uso está moi limitado, cada vez son máis profesionais que non usan a lingua galega e sobre todo en zonas urbanas.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Noto menos uso da lingua galega en nenos/as de Educación Infantil aínda que vivan en zonas rurais.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Transmito o valor da lingua día a día e a través de conmemoracións.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Sobre todo a lingua galega en recursos tecnolóxicos pola motivación que esperta nos/as nenos/as xa que hai poucos pero fundamentalmente fomentando a lectura e escritura en galego. Tamén concienciando ás familias para o seu uso nos fogares como lingua materna e dándolle menos importancia ás linguas estranxeiras.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Habería que cambiar moito para que o seu uso non fose unha materia máis a impartir nas aulas, dándolle a importancia que se merece.
Entrevistas a profesionais do ámbito da Administración é Xestión
Vídeo entrevista a profesional de organización de empresas, docente e investigadora
Experiencia sobre a xestión empresarial, a innovación e o papel do galego nos contextos profesionais: https://drive.google.com/file/d/1PyqiFOJ7Jqteu1bFAdaUiH-76T9Tnhuy/view?usp=sharing.
Outras entrevistas profesionais
PERSOA ENTREVISTADA: Borxa de Orgullo Galego
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
Aínda que está a mellorar considero que segue a ser minoritario, xa que se considera máis un idioma do ámbito privado ou de certos sectores concretos da cultura ou do ensino, de feito, na miña experiencia teño atopado moitas persoas galegofalantes mais que no ámbito profesional falan galego, o mesmo á hora de realizar CV na lingua propia.
No meu ámbito profesional tamén existe o argumento de “usar o castelán para chegar a máis xente” cando a realidade é que iso non é así, especializarte e atopar o teu nicho profesionaliza o teu proxecto e mesmo acada maiores cotas de éxito.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Sen dúbida, cada vez son máis as persoas que apostan polo galego como un xeito diferencial e un xeito de marcar a personalidade, mostrando ademais que non limita, e hoxe en día coa IA as diferencias están a diluirse xa que moitas aplicacións traducen automaticamente o teu vídeo en galego a outros idiomas.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
O noso é un uso 100% do galego
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Campañas para mostrar como o galego xera confianza, da maior sensación de achegamento e confianza coa persoa e tamén maior calidade. Hai un tempo unha persoa díxome que en internet non se fía de nada, agás se está en galego, xa que “como van existir estafas en galego?”. O que quero dicir con isto é que o galego da unha “cercanía” co teu cliente.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Cada vez vexo máis empresas usando o galego, diferencíandose, usando o galego e Galicia como unha ferramenta de atracción de clientes, e abofé que funciona. Temos exemplos no mundo dixital, si, onde o galego está a multiplicarse, mais tamén no ámbito da alimentación, téxtil, etc, polo tanto, nun mundo cada vez máis competitivo onde está a uniformizarse o consumo, o galego serve para diferenciarse.
Quen non vai querer mercar Leite Larsa ou Carne de Tenreira Galega?
PERSOA ENTREVISTADA: Xerente de empresa de seguros
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
Na situación profesional ou na miña neste caso, cando traballas para empresas con sedes en Madrid, case non se utiliza o galego. Porque a documentación ten que estar toda en Español. E cando falas con compañeiros de fóra non o podes utilizar. Si se utiliza coa xente que está aquí ou doutros sectores como talleres, comercios da zona no que si se fala en galego. O que si se nota é o estigma que ten a xente das empresas cando falas en galego, como que non chegas o nivel esixido. O cal é un gran erro. Isto provoca que se utilice en moi poucas ocasións.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Levo moitos anos no sector de seguros. Cando empezaba todos os compañeiros falaban galego entre eles e coa clientela. Cambiaban e poucas ocasións ao español. Agora esa xente toda estase xubilando e os que collen a testemuña non falan case ningún. Co cal non se utiliza demasiado.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Nós falamos coa clientela, a documentación privada que podemos facémola en galego, as nosas comunicacións tamén.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Pois a documentación que se precisara tería que ser toda en galego. E todas as comunicacións tanto entre nós e os clientes. E o trato entre compañeiros e cos clientes tamén.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Si os nosos dirixentes políticos non cambian, e poñen medidas para cambiar isto, o galego non sei si resistirá a lingua de familias. E non de toda a comunidade galega.
PERSOA ENTREVISTADA: Traballador/a da Banca
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
O galego está sufrindo un retroceso como lingua de uso profesional.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
A nivel institucional faise uso del pero decaeu o uso do galego nas operación das oficinas no día a día.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Utilízamos o galego na nosa publicidade corporativa para determinadas campañas e no trato da clientela, sobre todo no rural.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
Promocionaría o uso do galego nas redes sociais e nos medios de comunicación, ademais de incentivar o uso de materiais publicitarios e de promoción en galego.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
A día de hoxe, se non hai unha intervención por parte da administración, creo que o uso do galego seguirase reducindo, xa que non se lle dá a importancia suficiente a nosa lingua.
PERSOA ENTREVISTADA: Traballador/a da administración dunha empresa téxtil multinacional
1. Cal cres que é a situación do galego no mundo profesional?
Pouco usada.
2. Na actualidade, detectas un maior ou menor uso no sector?
Sen cambios.
3. Cal é o uso do galego que facedes nas vosas iniciativas?
Coloquial.
4. Que cambios introducirías para poñer en valor o galego no eido profesional?
No eido profesional no que me movo, téxtil, moi difícil. Prevalecen as linguas estranxeiras.
5. Que perspectivas futuras cres que ten a lingua galega no mundo profesional?
Residual.
Ideas compartidas polas persoas entrevistadas
As entrevistas realizadas a profesionais de distintos ámbitos permiten identificar algunhas reflexións comúns sobre a situación actual do galego no mundo laboral.
En primeiro lugar, a maioría das persoas entrevistadas coinciden en que o uso do galego continúa sendo desigual segundo o sector profesional e a zona xeográfica. Mentres que na educación, nos servizos sociocomunitarios ou na administración mantén unha presenza importante, noutros ámbitos como a comunicación, a empresa privada ou determinados sectores industriais o seu emprego é menor.
Tamén existe consenso en que o galego segue empregándose con normalidade na relación coa clientela e na comunicación interna de moitas empresas e entidades. Algunhas organizacións apostan ademais por utilizalo na súa identidade corporativa, na documentación profesional, nas redes sociais e na comunicación pública, considerándoo un elemento diferenciador.
Outro aspecto recorrente é a necesidade de incrementar a presenza do galego nos espazos de decisión e nas ferramentas dixitais. Varias persoas entrevistadas sinalan que fan falta máis referentes empresariais que empreguen a lingua con normalidade, así como unha maior dispoñibilidade de aplicacións, programas e recursos tecnolóxicos en galego.
No ámbito educativo, as entrevistas destacan que a escola continúa sendo un espazo esencial para a transmisión da lingua, aínda que tamén se considera necesario reforzar a presenza do galego nos recursos audiovisuais, nas tecnoloxías e no tempo de lecer, así como implicar ás familias no seu uso cotián.
Finalmente, aínda que as perspectivas de futuro son diversas, a maioría das persoas entrevistadas coinciden en que o galego ten percorrido no ámbito profesional, sempre que exista un compromiso real por parte das empresas, das administracións e da sociedade para incorporalo con normalidade aos diferentes espazos de traballo e de comunicación.