A primeira fase de GalegoPro centrouse na análise da presenza do galego no ámbito profesional. O obxectivo foi coñecer como se emprega a lingua en diferentes sectores produtivos, identificar boas prácticas e achegar ao alumnado exemplos reais do seu uso no mundo laboral.
Para iso desenvolvéronse distintas accións de investigación, documentación e recollida de información que permitiron crear recursos de apoio para o profesorado e o alumnado.
Nesta fase abordáronse catro liñas principais de traballo:
Empresas en Galego
Realizouse unha recompilación de empresas e entidades galegas que empregan o galego na súa comunicación e actividade profesional. A información foi organizada por provincias, sectores de actividade e familias profesionais, creando unha base de datos de referencia para o proxecto.
O galego nos nosos ámbitos profesionais
Analizouse a presenza do galego nas empresas onde o alumnado realiza a Formación en Centros de Traballo (FCT) e a formación Dual. A través de enquisas e da reflexión do propio alumnado coñecemos como se utiliza a lingua nos diferentes contextos profesionais e cales son as oportunidades para incrementar o seu uso.
Entrevistas e experiencias
Recolléronse testemuños e experiencias de profesionais, empresas e entidades que empregan o galego con normalidade no seu traballo. Estes exemplos permiten achegar referentes reais e visualizar o galego como unha ferramenta útil en calquera ámbito laboral.
Enquisa sobre o uso do galego e os prexuízos lingüísticos
Co obxectivo de coñecer a realidade sociolingüística do alumnado do CIFP Portovello, realizouse unha enquisa sobre os hábitos de uso da lingua, a percepción do galego e a existencia de prexuízos lingüísticos. A análise dos resultados permitiu identificar tendencias de uso, actitudes cara á lingua e a súa relación co ámbito educativo e profesional.